Luces, democracia, acción!

Crítica de Té con Kant no Blog de crítica de espectáculos da Revista Galega de Teatro

martes, 26 de agosto de 2014
Luces, democracia, acción!

ROI VIDAL PONTE

Facer participar ás destinatarias é un dos clixés do mundo contemporáneo. Vémolo nas mensaxes sobreimpresionadas dos programas televisivos e nas acampadas nas prazas do Movemento Indignado. Tanto no Gran Irmán como na televisión á carta, agora é a audiencia a que decide.

No teatro, hai xa ben tempo que se acabou de romper a cuarta parede e que aceptamos a frontalidade e a narración cara a cara. Mais poucas veces coma en Té con Kant a relación entre escenario e público resulta tan verdadeira. E non só porque a obra se resolva cunha votación que decide o destino das personaxes (traxedia democrática que por si soa faría a obra merecente de entrar na historia do teatro galego) senón porque consegue enganchar a audiencia cun material nada habitual: unha conferencia sobre filosofía. Unha peza de teatro didáctico que mesmo serviría para levar aos centros educativos sen ter que renunciar a esas xeniais reviravoltas de humor acedo e superficialidade provinciana que axudan a que a lección non resulte aburrida.

É moi de agradecer que haxa espectáculos que traten ao publico coma se fose intelixente. O nivel filosófico da dramaturxia de Té con Kant é tan alto que a sinopse non resistiría unha primeira criba de querérmoslla vender aos programadores do circuíto teatral galego e, porén, algún atrevidos acertan ao arriscar con esta marabillosa viaxe no tempo que afonda nos aspectos máis socialmente relevantes da filosofía kantiana e, por extensión, de toda a modernidade.

As actrices manexan á perfección a proximidade nese diálogo directo e constante coas espectadoras, actuando tan cómodas que se permiten mesmo improvisar en escena sen se saír da personaxe. Semella que entraron até o celme desa dialéctica entre o posible e o desexable, entre o progreso tecnolóxico e o moral que centra o conflito da obra e que a fan súa para transitar da realidade á ficción polos camiños da comicidade. Porque a dramaturxia (un texto que non debería seguir un minuto máis sen ser publicado) combina a inmersión historicista no século XVIII con lúcidas referencias á máis indignante actualidade, e diso se trata cando de teatro histórico se trata.

Se cadra hai, contra o terceiro cuarto da representación, un descenso rítmico no que o espesor dos argumentos expostos chega a se facer algo pesado, mais o certo é que en todo momento se está a cocer nas cacholiñas de cada espectadora unha loita dramática entre unhas posturas e as contrarias. É por iso que a proposta pode ser vista como un paso máis alá do convencionalismo de moito teatro posdramático, pois renuncia (ás veces mediante a parodia) a algunhas das constantes máis superficiais do mesmo, tales como o fragmentarismo, a intertextualidade ou a danza de corpos espidos. Nin sequera, aparte do vestiario de época e dalgún elemento de atrezzo, necesita da espectacularidade do visual para agochar as eivas do discurso, porque, por unha vez, de discurso vai sobrada.

Teatro, en definitiva, de ideas (teatro, ao cabo, político), nada snobista, bastante respectuoso coa intelixencia e (que aprenda o actual sistema educativo) moi divertido.

Té con Kant de María Caparrini e Marta Pérez
Dirección: María Caparrini e Marta Pérez
Elenco: Marta Pérez e María Roja
Creación plástica e deseño gráfico: María Roja
Fotografía: Leonor Sangabriel/ Berio Molina
Edición de vídeo: María Crespo/ Ángel Sousa
Vestiario: Centro Dramático Galego
Música: Mozart, Alféizar
Maquillaxe: Inversa Teatro
Produción: Inversa Teatro

Sala Ingrávida, Porriño, 22 de agosto, 2014

Artigo orixinal: http://rgtcritica.wordpress.com/2014/08/25/te-con-kant/

Té ingrávido

Inversa Teatro visita a Sala Ingrávida do Porriño

xoves, 21 de agosto de 2014
Té ingrávido

http://www.salaingravida.com/Sala_Ingravida/Conecenos.html

Estrea de "Maratón" na TVG

Ciclo de cinema en homenaxe a Pico

luns, 11 de agosto de 2014
Estrea de

Coincidindo co ano de pasamento do actor Xosé Olveira "Pico", a Televisión de Galicia adícalle un ciclo de cinema. A estrea de "Maratón" inaugurará o mesmo o vindeiro mércores 13, ás 23:15 horas. Esta tv-movie dirixida por Breogán Riveiro conta a historia de Hassán, un inmigrante marroquí residente nun pobo galego xunto á súa muller Samira, a quen a vida lle cambia repentinamente coa chegada de seu irmán, portador de malas novas: a súa obriga de pagar inmediatamente a cuantiosa dote de Samira, a risco de perder o seu honor e o da súa familia. Para xuntar a cantidade, Hassán verase obrigado a facer o que mellor sabe: correr. Coa axuda de Pablo, un entrenador da vella escola recén despedido, Hassán poñerá todo o seu esforzo para acadar a solución aos seus problemas: gañar a maratón da vila. O trío protagonista está interpretado por Xavier Deive, Ledicia Sola e Pico, cun elenco completado por Guillermo Carbajo, Samuel Blanco, Rubén Prieto, Sergio Bermúdez, María Roja, Mariana Expósito, Fernando Morán e Avelino González.
No seguinte vídeo, Deive presentando a película no programa A Revista FDS:

http://www.crtvg.es/crtvg/crtvgviva/a-canle-publica-estrea-esta-noite-a-pelicula-maraton-participada-pola-tvg-toda-unha-historia-de-amor-e-superacion-baseada-en-feitos-reais

"Wilda" no NYC Independent Film Festival

xoves, 07 de agosto de 2014

“Wilda”, videoclip pertencente ao álbum PERA (Metamovida, 2014) de Cró! dirixido por José Araújo vén de ser seleccionado para o New York City Independent Film Festival. A este recoñecemento súmanse o seu paso polo "Salón Internacional de la Luz" de Bogotá así como polos festivais "Art All Night" de Trenton (New Yersey) e "No tengo mamá" de Vigo, máis o premio na súa categoría da última edición do Festival Primavera de Cine de Vigo.

https://www.nycindiefilmfest.com/

Té mutante

Inversa Teatro inaugura a programación de agosto no Liceo Mutante

domingo, 03 de agosto de 2014
Té mutante

III Aniversario do Liceo Mutante

Actuación de Ohn con "Microasterismos"

luns, 14 de xullo de 2014
III Aniversario do Liceo Mutante


Ola amigos,
estamos aquí, en pé. Aínda vivos contra vento e marea, contra á débeda e o pasotismo, contra a tristura. A ti, que xa estiveches aquí, es socio e sabes o que é, e que axudaches a sostelo ata o día de hoxe, correspóndeche celebralo. E ti que non o coñeces, tés unha oportunidade única para descubrilo.
Celebramos que levamos xa tres anos en Mollabao, que aínda luce o sol pese ás troikas e que, por que non, porque nos peta. Quedas convocado a un sarao espectacular – por espectáculo musical e mais de artes escénicas – de dous días de felicidade, con xente da casa, con amiguetes daquí e dalá e novas caras, todo moi amoroso.

O venres 18 de xullo abrimos as portas ás seis e temos isto:

Soledad Vélez:
Cantautora caústica, intensa, de estilo único.
Algo coma folk.
http://soledadvelez.bandcamp.com/

Atomizador:
Psycho pop-folk. Turboukelele.
A máxima expresión, o futuro da música popular.
http://atomizador.bandcamp.com/album/pop-radical

Djalminha:
Amor infinito polos Minutemen o odio polos pitis.
Festa de non gardarse.
http://djalminha.bandcamp.com/

Pinga Teatro | Cans / Hermano John
Vaia dúas pezas, dous elementos.
Andarán polo xardín!
https://www.facebook.com/pages/Pinga-teatro

Teatro da Falúa | Flying Circus
Ninguén espera á Inquisición Española, pero nós si!
https://www.facebook.com/falua.teatro

O sábado 19 tamén abrimos portas ás seis e isto é o que vas ver:

Negro:
Torsión da guitarra e o son, con agarimo e clase.
Extrema atención e emoción.
http://lacastanya.bandcamp.com/album/formaci-n-del-esp-ritu-nacional

Equations:
Berros e disto. Matemáticas cúbicas, exponenciais, emocionais.
Veñen dende Porto, van de tapados do Mundial, e fliparás.
http://equations.bandcamp.com/

Cuchillo de Fuego:
Jaime Peñafiel. Ivonne Reyes. Alfa Romeo.
A banda da próxima década. Tés que estar. ES UN DÍA EXCITANTE.
http://cuchillodefuego.bandcamp.com/

Ohn (Berio Molina + María Roja) | Microasterismos
Eles transitan o espazo existente entre a imaxe e o corpo. Ilusión a tope.
http://vimeo.com/87025438

Alba Blanco Boga | La Casa
Ti es o narrador. Ti fas o libro. Ou ti, case, ES o libro.
http://www.albablancoboga.com/la-casa

Todo isto, amigos, a cambio dun donativo de 7 euros por día a repartir entre os artistas, que bastante teñen xa, aquí no Liceo que está ben bonitiño, que vos espera cos brazos abertos.
Poremos 50 entradas na xanela os mesmos días do evento, 50 anticipadas que podes mercar no Liceo Mutante e 50 reservas que podes facer por mail si vas vir de lonxe (anticipadas.liceomutante@gmail.com) para cada día. Non perdas a túa!

Liceo Mutante
R/ Rosalía de Castro nº 100, 36002 - Pontevedra
http://www.liceomutante.com/

1 | ... | 69 | 70 | 71 | 72 | 73 | 74 | 75 | 76 | 77 | ... | 84