30 e tantos ósos

Pre-estrea da montaxe de Aporía Escénica

domingo, 22 de xuño de 2014

30 e tantos ósos é o título da primeira montaxe da compañía de teatro Aporía Escénica.
A peza, un traballo de creación colectiva, está dirixida por Diana Mera e interpretada por Teté García, Merche Pérez, María Roja e a propia Mera, contando con Diego Valeiras nos labores de escenografía e iluminación.
A súa pre-estrea terá lugar o día 25 de xuño ás 18 horas na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Rúa Poza Cabalo, s/n, Vigo). Así mesmo, os días 26 e 27 haberá dous novos pases, ás 18 e 20 horas respectivamente.

<i>30 e tantos ósos</i>

Té con Kant

Datas estivais para asistir á obra de Inversa Teatro

martes, 10 de xuño de 2014

Logo de tanto escándalo, Johanna Gottfried e Theodora Kraus volven a escena para poñer orde e presentarse como futuras candidatas á presidencia da República!
"Té con Kant" é un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica para obter unha peza de teatro íntimo tinxida de humor onde as actrices Marta Pérez e María Roja, levando a escena unha creación de María Caparrini e a propia Pérez, tentan exercer de axitadoras filosóficas coa pretensión de promover a reflexión do público asistente ao redor da problemática moral nos nosos días. É posible aínda un mundo e sociedade mellores baixo os ditames da razón ilustrada ou esta é ad infinitum unha condena ao fracaso?
Theodora e Johanna, amigas íntimas do afamado filósofo, seguirán tratando de conseguir o voto do público para as súas respectivas causas á calor dun té quente nas seguintes datas:

7 xuño :: 21 h :: Auditorio Lois Tobío (Gondomar)
14 xuño :: 21 h :: A. C. Bou Eva (Vigo)
12 xullo :: 21 h :: Casa da Cultura (Nespereira)
1 agosto :: 21:30 h :: Liceo Mutante (Pontevedra)
22 e 23 agosto :: Sala Ingrávida (Porriño)
30 agosto :: Auditorio Municipal (A Cañiza)
4 setembro :: Sala Matilde Salvador (Valencia)
12 setembro :: Galería Iskoö (Lugo)
19 de Setembro :: La Buena Vida (Cangas do Morrazo)

Té con Kant


http://www.inversateatro.com/

"Lembrando a Pico"

Estrea de "Maratón" no ciclo en homenaxe ao desaparecido actor

martes, 10 de xuño de 2014
"Lembrando a Pico"

Coincidindo co primeiro aniversario do pasamento do versátil Xosé Manuel Olveira ’Pico’, un dos intérpretes máis queridos e coñecidos da escena teatral e do audiovisual galego, a Televisión de Galicia realizará desde esta semana unha programación especial na súa memoria.
Baixo a epígrafe “Lembrando a Pico”, a Galega ofrecerá un ciclo de cine, en que se incluirá, entre outras, a emisión por vez primeira en televisión de tres longametraxes nas que interveu o actor muradán; a estrea de “Doutra Banda”, último programa da canle pública galega en que colaborou, e ofrecerá en vindeiras datas un especial para renderlle tributo ao actor, a través do relato sobre a súa figura de actores e de directores galegos cos que traballou.
A programación especial en homenaxe a Pico dará comezo este xoves coa emisión da tv-movie “Entre Bateas” (2001). Dirixida polo lucense Jorge Coira e producida por Costa Oeste para a TVG, está interpretada nos seus principais papeis, por Miguel de Lira, Pepo Suevos, Nekane Fernández, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Luisa Merelas e Rosa Álvarez, entre outros, e introdúcese no mundo do tráfico de drogas e no perigoso tránsito que se viviu nos últimos anos en determinadas zonas costeiras galegas, tradicionalmente dedicadas ao contrabando de tabaco.
Deste ciclo de cinema cómpre salientar a estrea en televisión dalgunhas das últimas longametraxes participadas pola Televisión de Galicia nas que interveu: “Maratón” (2012), de Breogán Riveiro, conta como Hassan, un inmigrante marroquí residente en Galicia que debe gañar un maratón para conseguir cartos, recorrerá á axuda de Pablo (Olveira ’Pico’), un adestrador que acaba de ser despedido; “O Apóstolo” (2010), longametraxe de misterio, terror e fantasía ambientada no Camiño de Santiago que, baixo a dirección do santiagués Fernando Cortizo, supuxo a primeira produción coa técnica stop-motion estereoscópica a nivel europeo, e “Retornos” (2010), un thriller sobre a prostitución realizado por Luis Avilés Baquero.
Este actor respectado e apreciado tanto polo público coma polo sector será un dos protagonistas tamén de “Doutra Banda”, derradeiro programa da TVG coa participación de Xosé Manuel Olveira, que quedara no arquivo tras o pasamento do actor, e cuxa estrea terá lugar este próximo domingo na faixa do serán. “Doutra Banda” confrontará cada semana as opinións e sentimentos dos galegos sobre distintos temas. En cada edición, a modo de sketch, os actores Paula Carballeira e “Pico” serán os protagonistas de Pico & Paula, onde escenificarán un diálogo relacionado con cada temática.

http://www.crtvg.es/crtvg/crtvgviva/a-tvg-inicia-este-xoves-a-emision-dunha-programacion-especial-co-ciclo-lembrando-a-pico-en-homenaxe-ao-actor-desaparecido

"Wilda" premio ao mellor videoclip

Palmarés III Festival Primavera de Cine

martes, 10 de xuño de 2014
"Wilda" premio ao mellor videoclip

“Wilda” de José Araújo, videoclip pertencente ao álbum PERA (Metamovida, 2014) de Cró!, conseguiu o premio na súa categoría da presente edición do Festival Primavera de Cine. A este recoñecemento súmanse o seu paso polo "Salón Internacional de la Luz" de Bogotá máis a súa recente selección para o festival "Art All Night" de Trenton, en New Yersey.
O palmarés desta terceira edición completouse con “Tupper” de Ángel Manzano como mellor curtametraxe e “El Rayo” de Fran Araújo como mellor longametraxe.

http://festivalprimaveradocine.com/

III Festival Primavera do Cine

"Llena eres de gracia" e "Wilda" entre as seleccionadas

luns, 02 de xuño de 2014
III Festival Primavera do Cine

Llena eres de gracia, Pedro Sancho

O Festival Primavera do Cine é un festival de cine galego no que compiten tódalas categorías e xéneros da nosa cinematografía. Este ano celebrarase a súa terceira edición, entre o 4 e o 8 de xuño do 2014, con actividades no MARCO e no Concello de Vigo.
O mércores 4 de xuño ás 19:30 horas no Auditorio do Concello de Vigo inaugurarase o concurso cinematogáfico coa presenza do grupo de teatro Triatreros e a proxección da primeira longametraxe “El triste olor de la carne” de Cristóbal Arteaga, xa posuidora de varios recoñecementos á calidade cinematográfica.
As 7 longametraxes proxectaranse no auditorio do Concello de Vigo. Cabe sinalar, por exemplo, as estreas en Galicia de “El Rayo” de Fran Araújo o venres ás 22:15 ou “Blockbuster” de Tirso Calero o sábado as 22:00. “A pegada dos avós” obra de Xosé Abad, gañador da segunda edición do Festival Primavera do Cine, “O pequeno mago” de Roque Cameselle, película infantil seleccionada para participar nalgúns dos festivais de cine máis importantes do mundo, “Dos fragmentos /Eva” de Angel Santos e “Desde dentro do corazón” de Antonio Caeiro, completan o cartel de longametraxes.
As 14 curtametraxes proxectaranse o próximo mércores e xoves no MARCO e o venres no Concello de Vigo, en tres bloques cunha duración aproximada dunha hora. Atópase “3-1=0” de Juan Galiñanes, gañadora recentemente do Mestre Mateo nesta categoría, “Dinosaurios en 3D” de Juan Beiro recoñecida internacionalmente, a recentemente premiada polo público no Festival de Cans “Tupper” de Ángel Manzano máis "Pato extraterrestre" e "Llena eres de gracia", dirixidas por Pedro Sancho.
Os 13 videoclips de grupos como Cró!, con "Wilda" dirixida por Jose Araújo, proxectaranse no auditorio do Concello o sábado 7 de xuño ás 24:00 horas, mentres no exterior, celebrarase unha festa aberta na Praza do Rei con moitas sorpresas.
O domingo 8 de xuño ás 19:30 horas no Auditorio do Concello de Vigo terá lugar a gala de entrega de premios, na que se coñecerán as obras gañadoras do Certame. Para celebrar un momento tan importante, contarase coa presencia do grupo de teatro Triatreros como mestres de cerimonia e ao longo da gala sucederanse diferentes espectáculos, proxeccións e algunha sorpresa, ademáis do viño que ofrecerán as bodegas Don Pedro de Soutomaior de xeito gratuito ao final da gala e no exterior do recinto. Todo isto poderase desfrutar por un prezo de 3,5 euros.
O Festival Primavera do Cine pretende fomentar o amor polo cine feito en Galicia que, continúa sendo un gran descoñecido para o público galego, a pesares do recoñecemento internacional que vai adquirindo a nosa cultura audiovisual nos últimos tempos.
Este evento cinematográfico faise con moito esforzo voluntario e moito cariño pola cultura galega.Este ano os prezos das entradas oscilan entre os 2,5 € das proxeccións e os 3,5 € das galas de inauguración e peche. A festa do festival celebrarase á luz das estrelas na Praza do Rei o sábado 7 a partires das 23:30 da noite. Esta é unha oportunidade única de ver o cine máis achegado e para pasalo estupendamente a bo prezo.

http://festivalprimaveradocine.com/

Sons Creativos

Sexta edición do ciclo de arte sonora e electroacústica

xoves, 22 de maio de 2014

20, 22, 27, 29 de maio e 5 de xuño ás 20.30h
Casa do saber e Quiosco da Praza Maior (Lugo)

Sons Creativos


http://www.lugocultural.es/sons-creativos/
http://sonscreativos.weebly.com

1 | ... | 60 | 61 | 62 | 63 | 64 | 65 | 66 | 67 | 68 | ... | 74