X Premio de Teatro Radiofónico

A Radio Galega comeza a emitir as obras gañadoras

luns, 13 de marzo de 2017
X Premio de Teatro Radiofónico

As obras presentadas baixo os lemas ’Veos’, ’Punto de vista’, ’Un bo final’ e ’O quinto inverno’ son as finalistas do X Premio Diario Cultural de teatro radiofónico. Dramatizadas por un equipo de intérpretes formado por María Roja, Melania Cruz, Gena Baamonde, Chelo do Rego e Ricardo de Barreiro e dirixidas por Marta Pazos, emitiranse nos distintos programas da Radio Galega ao longo de dúas semanas. Tras a súa emisión, daranse a coñecer o Premio do Xurado e o Premio da Audiencia, dotados cada un deles con 3.000 euros.

Abertas as plicas das obras finalistas, as autoras resultaron ser Ana Mª Carreira Varela (’Veos’), Avelina Pérez Pérez (’Punto de vista’), Carolina Alba Castro Estévez (Un bo final) e Eva F Ferreira (O quinto inverno).

O xurado do X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico está formado pola actriz e directora da compañía Voadora, Marta Pazos; o crítico de teatro Camilo Franco; Clara Gayo, gañadora da edición anterior; a directora do CDG, Fefa Noia, por designación da Secretaría Xeral de Cultura; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do programa ’Diario Cultural’.

82 obras foron presentadas a esta décima edición do Premio de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, que patrocina o certame. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír a recuperar desde unha perspectiva contemporánea o xénero de teatro radiofónico.

Para escoitar as obras gañadoras, premer no link:
http://www.crtvg.es/rg