Té con Kant

Crítica por Iria Esperón, no blog "Teatro entre lusco e fusco"

domingo, 24 de maio de 2015
Té con Kant

Xa hai tempo que me dei conta de que o teatro é un arte que pode englobar todo canto o autor decida. Todo é válido, non existen límites nin excepcións, e non é pouco usual atoparse con auténticas fusións de teatro e filosofía (non hai máis que mirar producións como Perplexo, Ganas de ouvear...). Isto é o que ocorre en Té con Kant, unha obra creada por María Caparrini e Marta Pérez, e interpretada formidablemente por esta última e María Roja.
Podería definirse como unha constante loita de argumentos e opinións por parte das mulleres recén chegadas da Königsberg da Ilustración, que se mesturan cos espectadores facéndose co control de todo o salón de actos. A finalidade da peza é a decisión sobre o futuro das protagonistas: quedarse na época actual ou voltar ao pasado? Por isto, o elemento chave é a interacción directa co público, dando lugar a unha singular peza de teatro íntimo na que Theodora e Johana debaten a súa situación aportando diferentes puntos de vista e facendo alusións aos máis célebres filósofos. Dende Hume ata Georg Hamann, incluíndo a Marx e mantendo ao prusiano Immanuel Kant como fío condutor, facemos unha viaxe a través da historia da filosofía moderna e contemporánea; coñecemos os trazos principais de cada autor e o contexto histórico que os caracteriza de xeito claro, partindo de situacións excéntricas recreadas polas dúas protagonistas. A produción resulta ser instrutiva á par que divertida, pois a mestura entre ambas partes orixina unha peza amena e fácil de seguir por aqueles espectadores con interese pola filosofía.
A escenografía non pasa desapercibida, pois sérvense de diferentes elementos audiovisuais para ilustrar as explicacións que se lles van ofrecendo ao público, xa sexa a través de sombras, vídeos ou proxección de imaxes. Non obstante, ao tratarse dunha produción na que os espectadores deben intervir tan activamente, estes acaban por converterse nunha peza máis do xogo, orixinando unha representación teatral dinámica na que se demostra a capacidade de improvisación das actrices. O seu dominio do auditorio é fabuloso, a pesar de que os coñecementos previos sobre a materia tratada na obra tamén determinan o interese do público pola mesma.
Cando os espectadores teñen á súa disposición toda a información necesaria, deben tomar unha decisión sobre o futuro das protagonistas seguindo o imperativo categórico kantiano. Neste caso, eu diría que Theodora e Johana deberían regresar á súa época para advertir ao filósofo Kant de que o futuro non sería como se esperaba no ámbito da moral, polo que deberían remediar o pasado. É dicir, elas seguirían sen poder acceder á universidade sen travestirse, pero sería posible unha mellora do futuro (actualidade) e da vida de infinidade de persoas que aparecerían posteriormente. Por outra parte, de quedarse no presente, as únicas favorecidas serían elas, e supoño que neste caso actuarían de xeito máis egoísta, nietzscheano. O imperativo categórico di que hai que actuar por deber, e neste caso opino que o deber de ambas sería colaborar na melloría da maior parte de individuos posible.
Ao falar dunha produción teatral na que se fala de filosofía, o pensamento inicial soe ser de estrañeza: quen vai querer ver unha obra na que hai que reflexionar? Por sorte, como dixen ao comezo desta entrada e noutras anteriores, xa hai tempo que me decatei de que no teatro todo serve. De feito, as obras que precisan unha fervedura de miolos son as que máis me atraen, pois levan detrás un traballo superlativo. Con Té con Kant non ía ser menos, desta vez no salón de actos do IES Rosalía de Castro. Por todo isto, mil grazas aos profesores de filosofía por traernos esta marabillosa peza, e a miña máis sincera noraboa a María Caparrini, Marta Pérez e María Roja por saber conxugar de xeito excelso o humor e a reflexión filosófica.

Artigo orixinal:
http://teatroentreluscoefusco.blogspot.com.es/