"Sofía e as Postsocráticas" volve aos escenarios

A última montaxe de Inversa Teatro inicia a súa xira

martes, 22 de xaneiro de 2019
"Sofía e as Postsocráticas" volve aos escenarios

Sofía e as Postsocráticas, a última montaxe da compañía Inversa Teatro, volve á Illa de Arousa, onde desenvolveu a residencia técnica antes da súa estrea. A cita co público será o vindeiro 25 de xaneiro no Auditorio Municipal, ás 21h.

A seguinte data para poder asistir á obra, será o día 8 de febreiro en Barbadás, na Casa de Cultura "Manuel María", ás 20h.

Sofía e as Postsocráticas é unha obra que versa sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato. Sócrates, Platón e Aristóteles, as tres personaxes en escena, tratarán de buscar un novo logos, é dicir, un novo patrón interpretativo da realidade no que se poida facer o cálculo do que é ou o que non é violencia machista. Xunto coa interpretación de personaxes e o emprego de máscaras, a dramaturxia conta tamén con elementos visuais e sonoros que axudarán na reflexión de cal é a nosa responsabilidade como sociedade ante este tema. O pacto patriarcal, o silencio como resposta, o valor ontolóxico, o victim blaming, a negación ou o síndrome espectador son os fíos argumentais polos que transita a peza.

+info:
www.inversateatro.com
www.facebook.com/inversateatro