SEN MEDO E SEN ESPERANZA

"O colo da xirafa" no Galiñeiro de Praza Pública

luns, 26 de outubro de 2015
SEN MEDO E SEN ESPERANZA


LAURA PORTO

O teatro comeza fóra do teatro, comeza mirando ó ceo e, quizais, inventando nomes para as estrelas. Así comeza O colo da Xirafa de Matarile, amosándonos a constelación da xirafa, practicamente invisible nos ceos despexados, pero descrita e nomeada por alguén.
Este feito é toda unha declaración de intencións, unha apelación a nós para que esteamos dispostas a ver o que non se pode ver. Para que poñamos a nosa parte, sobretodo iso, que participemos activamente na representación do que non se pode ver.
Esta proposta ratifícase na sala á que accedemos guiadas pola mesmísima carrapuchiña vermella, que semella ter coincidido connosco este serán durante a súa busca dun lobo.
O espazo ao que accedemos, unha antiga capela reformada, agárdannos os focos e unha longa mesa corrida que rodea o centro como únicos elementos escenográficos. Sentamos á mesa deste espazo a catro bandas, con esa facultade tan poética de nos expor como público, de nos facer partícipes da paisaxe, e facémolo non para que o espectáculo comece, senón para que continúe. A compañía Matarile ten, na nosa opinión, esa facultade estraña de facer as pezas comezar pouco a pouco, transitando do cotiá ao extracotiá dun xeito tan fluído que ás veces resulta complicado establecer os puntos de cambio.
Esta facultade faise patente tamén no devir entre o plástico e o discursivo, que se complementan xeralmente de xeito alusivo. Como mestres cocteleiros, mesturan e axitan o discurso filosófico e teatrolóxico con imaxes de grande beleza e potencia sensitiva, e o resultado é un beberaxe de efecto estimulante, aderezado co olor a menta que nos chega nalgunha secuencia.
Tamén nos atopamos, poderiamos dicir, ante un teatro da proximidade, do primeiro plano. Buscase unha proximidade tal entre o público e as actuantes que estas traballan sobre as mesas ante as que estamos sentadas, a centímetros dos nosos ollos, tan cerca que poderíamos tocalas sen estender de todo o brazo.
A medida que aumenta a profundidade do espectáculo, que aumenta a súa extracotianidade até o seu maior nivel, a peza vólvese tamén máis fragmentada e persoal. Todos os actuantes están en escena, cada un cun pequeno grupo de xente, cada un traballando sobre un pequeno obxecto, un microcosmos enteiro de papel e luz que se mostra ante nós case en privado.
Por último, carrapuchiña marcha. Tal vez deberamos seguila e buscar o noso propio lobo. Quizais.

Artigo orixinal:
http://teatro.prazapublica.com/post/131947955871/sen-medo-e-sen-esperanza-o-colo-da-xirafa-de