Próxima estrea de "Poeta en Nova York"

O CDG coproduce a montaxe da cía. Teatro baixo da area

luns, 20 de xaneiro de 2020
Próxima estrea de "Poeta en Nova York"

Fotografía: Marcos Loopez (VIVALUGO)

O 20 de xaneiro presentouse ante os medios “Poeta en Nova York”, a primeira montaxe da compañía lucense Teatro baixo da area. O acto tivo lugar na terraza do Hotel Méndez Núñez (onde estivo hospedado Federico García Lorca nas súas dúas visitas á cidade de Lugo), acompañadas pola concelleira de cultura Maite Ferreiro e Fran Núñez, o director do Centro Dramático Galego, que coproduce o espectáculo.
As entradas para a estrea do día 29 están esgotadas, pero confírmase unha nova función para o día 30 ás 20.30h no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

TEATRO BAIXO DA AREA
No ano 1998 nace Palimoco Teatro, dentro do teatro afeccionado, que dez anos despois se convertería na primeira compañía profesional de Lugo. Ao longo destes anos, ademais da creación e da produción de espectáculos, seguiu dúas liñas de traballo.
A primeira, a formación a diferentes niveis que, no ano 2014, acaba na creación da Escola Palimoco Teatro Danza, facendo presente a filosofía e a metodoloxía adquirida e construída durante todos os anos anteriores.
A segunda liña da que falamos é a comunicación e creación de lazos coa cidadanía: a dirección da Mostra Teatro Cidade de Lugo ata a súa quinta edición, o espectáculo Letra Viva, a iniciativa Quen ocupa esa cadeira? nas rúas da cidade, as postas en escena de Antígona no adarve da Muralla ou Don Juan Tenorio e Don Juanín no cemiterio de Lugo, son claros exemplos.
Hoxe, con Poeta en Nova York, a produtora dá outro paso máis, diferenciando dúas vertentes na creación de producións: a dirixida ao público infantil e familiar que seguirá co nome de Palimoco e a liña de investigación teatral co nome de Teatro baixo da area, tomando prestado o nome do autor que hoxe nos congrega, Federico García Lorca... “porque hai que vivir no teatro ou destruír o teatro, xa non vale asubiar polas portas”.
Grazas por nos seguirdes durante estes 22 anos de traxectoria!!

+prensa:
http://pacorivera.galiciae.com/
https://www.cope.es/emisoras/galicia/lugo-provincia/lugo/lugo-capital/noticias/primera-traduccion-gallego-poeta-nueva-york-estrenara-lugo-enero-20200121_598726
https://www.elprogreso.es/gl/articulo/cultura/lugilde-lorca-sabia-era-rei-da-festa-sentia-soidade/202001211823321418509.html

+info:
https://producionspalomalugilde.es/poetaenny
https://www.instagram.com/poetaennovayork/
https://www.facebook.com/poetaennovayork/