Preestrea de "Hospital Real"

Presentación da nova serie da TVG

venres, 24 de abril de 2015
Preestrea de "Hospital Real"

O próximo martes 28 de abril ás 19:30 horas, poderase gozar no Auditorio Abanca de Santiago da presentación dunha nova serie da TVG, que transportará os espectadores cara a finais do século XVIII para reproducir con todo luxo de detalles como era naquela época a actividade do Hostal dos Reis Católicos. “Hospital Real” é o título desta coidada ficción, idea orixinal de Julio Casal e Mamen Quintas (Ficción Producciones) e dirixida por Jorge Cassinello, cuxo reparto vén encabezado por Mariña Sampedro e Pedro Freijeiro. Na preestrea, aberta ao público, proxectarase o primeiro episodio.
A historia sitúase a finais do século das luces, cando o Camiño de Santiago era unha vía perigosa, había inestabilidade política e o Hostal dos Reis Católicos era o hospital de Compostela. Neste contexto coñécese a parella protagonista, que deberá facer fronte ás enormes barreiras sociais que os separan. Ao nacemento desta relación amorosa uniránselle outros ingredientes como asasinatos, intrigas ou mesmo daranse a coñecer os tratamentos e a medicina da época. Cómpre salientar a esmerada realización de decorados nesta serie, exteriores e interiores, como a botica do hospital ou as salas de enfermeiras e enfermos, e o instrumental cirúrxico.
“Hospital Real” conta entre o seu amplo elenco con destacados actores e actrices do noso país como Francis Lorenzo, Sonia Castelo, Nerea Barros, Antonio Durán ‘Morris’, Miguel de Lira, Camila Bossa, Susana Dans, Javier Gutiérrez, Xosé Barato, Xúlio Abonjo, Pedro Alonso, María Vázquez, Tamara Canosa, María Roja, Machi Salgado, Luis Zahera, Carlos Blanco ou Federico Pérez.
O público interesado en asistir ao evento, pode solicitar a invitación no enderezo electrónico rrpp@crtvg.es ou chamando ao número de teléfono 981 540 642, ata o luns 27, ás 14.00 horas.