Oficina e denuncia

Crítica de «Poeta en Nova York» na Erregueté

Entre 1929 e 1930 Federico García Lorca escribiu, ao longo da súa estadía como bolseiro na Universidade de Columbia, un dos mellores poemarios de todos os tempos, Poeta en Nueva York, onde o dramaturgo andaluz diseca con precisión cirúrxica a realidade do novo continente a través dun verso libre de clara inspiración surrealista. A cidade deshumanizada, o amor e a soidade, a reivindicación da raza negra, a morte, a infancia, a insolidariedade do sistema capitalista e a liberdade son algunhas das temáticas postas sobre o papel cunha linguaxe rica, chea de simbolismo e metáforas, que non renuncia á crítica e ao activismo político.

Teatro Baixo da Area, a nova liña de investigación das producións de Paloma Lugilde (Escola Palimoco de Teatro e Danza), estreou en Lugo con gran éxito de público a adaptación ao galego deste clásico da lingua castelá. Unha proposta coherente co imaxinario do granadino, cun respectuoso e coidado traballo dramatúrxico: tanto na tradución e posta en escena do texto como na forma de dicir e representalo.

Sabela Eiriz, María Roja e Sergio Zearreta son tres trasuntos en escena das diferentes personalidades de Lorca –reivindicativa, feminina e artística–, así como dos símbolos e figuras chave da súa obra: cinza, forma e manequín. Os tres desenvólvense coma peixes na auga nunha fala extremadamente poética, sen apenas carga dramática –no sentido da palabra teatral–, e transitan de xeito fermoso e impulsivo o cuadrilátero de taboleiros que é oficina/dormitorio/depósito de cadáveres/rúa/beira de río/matadoiro. Aínda que se apunta timidamente nalgúns momentos do espectáculo, bótase en falta unha maior presenza do traballo físico ou da danza nesta escenificación, sobre todo coñecendo a considerábel capacidade das intérpretes.

O espazo escénico, no que o público se dispón arredor del de xeito circular, complétase con diversos obxectos resignificados: un caderno de bitácora que Sabela (a máis semellante a Lorca polo vestiario e o aspecto andróxino que lle confire á súa interpretación) vai enchendo de fotografías, a guitarra coa que Sergio musica os poemas, o vinilo que María acende para bailar un valse, cubos onde transformar as letras en cinza ou botar auga, panos e sabas brancas arrolados coma bebés que limpan tamén o cadáver espido do poeta, ganchos nos que pendurar “os patos e as pombas e os porcos e os años” que se matan todos os días nas fábricas da gran urbe.

A conxunción do traballo interpretativo co espazo e cos obxectos regala aos ollos imaxes surrealistas e máxicas que non só teatralizan os poemas de Nova York, senón que tamén repasan a biografía de García Lorca e a súa obra: “A min non me importan as discusións sobre o amor nin o teatro. Eu o que quero é amar” (El público, 1930).

É unha mágoa que estes momentos non veñan acompañados dunha iluminación máis determinante. O deseño ás veces fica un pouco plano e –talvez só sexa un fallo propio da estrea– desconcerta tanta intermitencia e os cambios bruscos de intensidade.

Poeta en Nova York é unha obra necesaria porque recupera para a escena o universo Lorca. A beleza e a denuncia destes versos escritos hai noventa anos resulta, a día de hoxe, actual e fresca; necesaria en tempos onde o diferente, o que se sae de calquera norma, é xulgado e reprobado polos sectores máis reaccionarios da sociedade. Os mesmos que delataron, prenderon, fusilaron e esqueceron para sempre os restos dun autor único e irrepetíbel no camiño que vai de Víznar a Alfacar, escandalizaríanse –se de casualidade pisasen un teatro– por contemplar a nudez baixo os focos, por escoitar falar de amor libre sen cancelas ou por sentir uns ideais cheos de compromiso social. Toda esa xente gris, con óxido de oficina nos seus ósos, que “ignora la otra mitad, la mitad irredimible” e que non merece bailar un último valse cantado por Leonard Cohen.

Ernesto Is
Foto: Adra Pallón

+info:
https://erreguete.gal/2020/02/04/poeta-nova-york/