maría roja

Dic, dac, docs

María Roja pon voz á serie infantil

xoves, 09 de decembro de 2021
Dic, dac, docs

O Portal da Lingua, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a ser un referente fundamental de contidos en galego na Rede. Sen ir máis lonxe, dende este 7 de decembro está dispoñíbel en Lingua.gal unha serie documental infantil moi acaída para este tempo de lecer e vacacións que se aveciña (e que xa tivo un primeiro e importante avance nesta ponte festiva da Constitución). Estamos a falar de Dic, dac, docs, unha contribución audiovisual que amais de achegar diversión e “uns contidos moi coidados” para a rapazada, serve de elemento normalizador do galego. Por certo que tamén pode verse a canle de Youtube de Política Lingüística.
Así o informou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, na presentación da serie, elaborada por Adarme Visual para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.
Valentín García subliñou a importancia de “produtos tan coidados coma este” dirixidos á transmisión do galego ás novas xeracións. Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na presentación os directores do proxecto Dic, dac, docs, David Hernández e Álex Penabade. Conta co guión de María Reimóndez e mais dos directores do proxecto -Álex Penabade e David Hernández-, a voz en off de María Roja e a música de Iván Blanco.
Dirixida a nenos e nenas de 2 a 7 anos, os cinco breves capítulos que compoñen esta serie teñen a finalidade de facilitarlle á cativada a adquisición de vocabulario en galego. Cada capítulo está dedicado a un tema (a cidade, a horta, a casa, a granxa e os medios de transporte), que será o eixo a través do cal os pequenos descubrirán os elementos e as palabras en galego relacionadas con ese eido. Todos os capítulos están encadrados no ámbito galego e cunha referencia clara á xeografía e á cultura de Galicia.
Dic, dac, docs forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022. Este fondo, que impulsou un milleiro de iniciativas durante a pandemia, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Xunta puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que se apoiaba economicamente ao sector cultural.

+INFO:
https://codigocero.com/A-serie-infantil-Dic-dac-docs-pode-verse-desde-hoxe-no-Portal-da-Lingua-Galega

"Hugo" en Viveiro

A cía Os Náufragos Teatro en xira coa súa nova montaxe

Jueves, 18 de noviembre de 2021
"Hugo" en Viveiro

HUGO
28 de novembro
Teatro Pastor Díaz, Viveiro

OS NÁUFRAGOS TEATRO presenta HUGO, un espectáculo con forte compoñente social, ao que nos ten acostumados a compañía, coa que queren sensibilizar e dar visibilidade ao trastorno do espectro autista (TEA). Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos, e tamén aos seus pais e nais, utiliza para isto unha linguaxe universal, a modo de conto. HUGO fala así de empatía, da necesidade de comunicarnos e da beleza da diferencia, porque ser diferentes fainos grandes.

Hugo é diferente. Gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo cada día. A Laia gústanlle falar e as plantas. Hugo ten TEA, trastorno do espectro autista. HUGO fala da empatía, da necesidade de comunicarnos e da beleza da diferencia. Ser diferentes fainos grandes.

Incluída nos programas da Xunta Cultura no Camiño e a Rede Galega de Teatros e Auditorios e Rede de Diputación de A Coruña, “Hugo” está protagonizada por Jimmy Núñez e María Roja, baixo a dirección de Gustavo del Río. Marimo Studios asina a escenografía; a iluminación corre por conta de Daniel Pais, e a música orixinal en directo, de Daniel Valentín e axudantía de dirección de Sete Eiroa. Para o seu guión, contaron co asesoramento de Asperga -Asociación Galega de Síndrome de Asperger-.

Público: a partir de 4 anos

+info:
https://www.osnaufragosteatro.com/

Compostela en Negro

6 artistas, 12 escaparates

Miércoles, 17 de noviembre de 2021
Compostela en Negro

Esta semana presentáronse as actividades programadas no marco da campaña Compostela en Negro, unha acción que naceu en Santiago exportándose a outras moitas outras cidades de Galicia, España e mesmo do estranxeiro e que neste 25N volverá denunciar e concienciar sobre as violencias machistas.

Unha das actividades que se desenvolverá será "" 6 artistas, 12 escaparates", que contempla a realización de performances en 12 escaparates de establecementos composteláns na que participan seis artistas de diferentes artes escénicas como son Marta Alonso, Mónica de Nut, Helena Salgueiro, Marta Pérez, María Roja e a xaponesa residente en Compostela Masako Hattori. Tres das pezas son estreas mentras que as outras tres son adaptacións feitas ex profeso para o espazo dos escaparates, e todas xiran en torno ás formas de violencia ocultas na normalización, ás agochadas baixo a punta do iceberg seguindo o "sempre foi así".

Compostela en Negro

As performances serán o martes 24 de novembro e o mesmo día 25 entre as 18.30 e as 20 horas. De só 10 minutos de duración, repetiránse dúas veces en cada escaparate e poderán verse a través dun percorrido polo centro da cidade: o mércores 24 en República do Salvador e Xeneral Pardiñas, e Praza de Galicia e rúa do Hórreo o xoves 25.

+info:
http://tm.santiagodecompostela.gal/gl/actividades/compostela-en-negro-centra-a-campana-deste-25n-nas-violencias-cotias-que-non-se-ven

1 | ... | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | ... | 92