"Lembrando a Pico"

Estrea de "Maratón" no ciclo en homenaxe ao desaparecido actor

martes, 10 de xuño de 2014
"Lembrando a Pico"

Coincidindo co primeiro aniversario do pasamento do versátil Xosé Manuel Olveira ’Pico’, un dos intérpretes máis queridos e coñecidos da escena teatral e do audiovisual galego, a Televisión de Galicia realizará desde esta semana unha programación especial na súa memoria.
Baixo a epígrafe “Lembrando a Pico”, a Galega ofrecerá un ciclo de cine, en que se incluirá, entre outras, a emisión por vez primeira en televisión de tres longametraxes nas que interveu o actor muradán; a estrea de “Doutra Banda”, último programa da canle pública galega en que colaborou, e ofrecerá en vindeiras datas un especial para renderlle tributo ao actor, a través do relato sobre a súa figura de actores e de directores galegos cos que traballou.
A programación especial en homenaxe a Pico dará comezo este xoves coa emisión da tv-movie “Entre Bateas” (2001). Dirixida polo lucense Jorge Coira e producida por Costa Oeste para a TVG, está interpretada nos seus principais papeis, por Miguel de Lira, Pepo Suevos, Nekane Fernández, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Luisa Merelas e Rosa Álvarez, entre outros, e introdúcese no mundo do tráfico de drogas e no perigoso tránsito que se viviu nos últimos anos en determinadas zonas costeiras galegas, tradicionalmente dedicadas ao contrabando de tabaco.
Deste ciclo de cinema cómpre salientar a estrea en televisión dalgunhas das últimas longametraxes participadas pola Televisión de Galicia nas que interveu: “Maratón” (2012), de Breogán Riveiro, conta como Hassan, un inmigrante marroquí residente en Galicia que debe gañar un maratón para conseguir cartos, recorrerá á axuda de Pablo (Olveira ’Pico’), un adestrador que acaba de ser despedido; “O Apóstolo” (2010), longametraxe de misterio, terror e fantasía ambientada no Camiño de Santiago que, baixo a dirección do santiagués Fernando Cortizo, supuxo a primeira produción coa técnica stop-motion estereoscópica a nivel europeo, e “Retornos” (2010), un thriller sobre a prostitución realizado por Luis Avilés Baquero.
Este actor respectado e apreciado tanto polo público coma polo sector será un dos protagonistas tamén de “Doutra Banda”, derradeiro programa da TVG coa participación de Xosé Manuel Olveira, que quedara no arquivo tras o pasamento do actor, e cuxa estrea terá lugar este próximo domingo na faixa do serán. “Doutra Banda” confrontará cada semana as opinións e sentimentos dos galegos sobre distintos temas. En cada edición, a modo de sketch, os actores Paula Carballeira e “Pico” serán os protagonistas de Pico & Paula, onde escenificarán un diálogo relacionado con cada temática.

http://www.crtvg.es/crtvg/crtvgviva/a-tvg-inicia-este-xoves-a-emision-dunha-programacion-especial-co-ciclo-lembrando-a-pico-en-homenaxe-ao-actor-desaparecido