III Festival Primavera do Cine

"Llena eres de gracia" e "Wilda" entre as seleccionadas

luns, 02 de xuño de 2014
III Festival Primavera do Cine

Llena eres de gracia, Pedro Sancho

O Festival Primavera do Cine é un festival de cine galego no que compiten tódalas categorías e xéneros da nosa cinematografía. Este ano celebrarase a súa terceira edición, entre o 4 e o 8 de xuño do 2014, con actividades no MARCO e no Concello de Vigo.
O mércores 4 de xuño ás 19:30 horas no Auditorio do Concello de Vigo inaugurarase o concurso cinematogáfico coa presenza do grupo de teatro Triatreros e a proxección da primeira longametraxe “El triste olor de la carne” de Cristóbal Arteaga, xa posuidora de varios recoñecementos á calidade cinematográfica.
As 7 longametraxes proxectaranse no auditorio do Concello de Vigo. Cabe sinalar, por exemplo, as estreas en Galicia de “El Rayo” de Fran Araújo o venres ás 22:15 ou “Blockbuster” de Tirso Calero o sábado as 22:00. “A pegada dos avós” obra de Xosé Abad, gañador da segunda edición do Festival Primavera do Cine, “O pequeno mago” de Roque Cameselle, película infantil seleccionada para participar nalgúns dos festivais de cine máis importantes do mundo, “Dos fragmentos /Eva” de Angel Santos e “Desde dentro do corazón” de Antonio Caeiro, completan o cartel de longametraxes.
As 14 curtametraxes proxectaranse o próximo mércores e xoves no MARCO e o venres no Concello de Vigo, en tres bloques cunha duración aproximada dunha hora. Atópase “3-1=0” de Juan Galiñanes, gañadora recentemente do Mestre Mateo nesta categoría, “Dinosaurios en 3D” de Juan Beiro recoñecida internacionalmente, a recentemente premiada polo público no Festival de Cans “Tupper” de Ángel Manzano máis "Pato extraterrestre" e "Llena eres de gracia", dirixidas por Pedro Sancho.
Os 13 videoclips de grupos como Cró!, con "Wilda" dirixida por Jose Araújo, proxectaranse no auditorio do Concello o sábado 7 de xuño ás 24:00 horas, mentres no exterior, celebrarase unha festa aberta na Praza do Rei con moitas sorpresas.
O domingo 8 de xuño ás 19:30 horas no Auditorio do Concello de Vigo terá lugar a gala de entrega de premios, na que se coñecerán as obras gañadoras do Certame. Para celebrar un momento tan importante, contarase coa presencia do grupo de teatro Triatreros como mestres de cerimonia e ao longo da gala sucederanse diferentes espectáculos, proxeccións e algunha sorpresa, ademáis do viño que ofrecerán as bodegas Don Pedro de Soutomaior de xeito gratuito ao final da gala e no exterior do recinto. Todo isto poderase desfrutar por un prezo de 3,5 euros.
O Festival Primavera do Cine pretende fomentar o amor polo cine feito en Galicia que, continúa sendo un gran descoñecido para o público galego, a pesares do recoñecemento internacional que vai adquirindo a nosa cultura audiovisual nos últimos tempos.
Este evento cinematográfico faise con moito esforzo voluntario e moito cariño pola cultura galega.Este ano os prezos das entradas oscilan entre os 2,5 € das proxeccións e os 3,5 € das galas de inauguración e peche. A festa do festival celebrarase á luz das estrelas na Praza do Rei o sábado 7 a partires das 23:30 da noite. Esta é unha oportunidade única de ver o cine máis achegado e para pasalo estupendamente a bo prezo.

http://festivalprimaveradocine.com/