II Vigo en Bruto

Demolicións Ferreira & Cía. clausura o ciclo no Teatro Ensalle

xoves, 28 de xuño de 2012

A derradeira fin de semana de xuño, a recén formada compañía Demolicións Ferreira & Cía., estrea a peza EDISON, ou dúas mil demostracións que como non facer unha lámpada eléctrica. A peza, dirixida por Eva F. Ferreira e interpretada por Areta Bolado, Gena Baamonde e María Roja, dará peche á segunda edición do ciclo Vigo en Bruto organizado polo Teatro Ensalle de Vigo.

Quen quere fracasar? Acordar unha mañá e que a boca che saiba a fracaso. Arder por dentro. Escoller.
Fracasos que importan e fracasos importantes. Obxectos creados para non durar. Patacas rexeitadas, con forma de corazón. É difícil camiñar entre tanto fracaso.
Encher o baleiro. Cancións de sufrir. Arrincar os ollos das bonecas para ver que hai detrás. O futuro negado.
Podes situar Uzbekistán nun mapa sen axuda de Google? A canta xente condenaches ao fracaso?
Que fas para non ouvir o vento? Recoñecer fracasos polo seu tacto. Atravesar o río cunha candea prendida. Atravesar paredes. Aprender a ladrar.
Non abonda con querer.

II Vigo en Bruto


http://www.teatroensalle.com/