II Encontro Mulleres Creando

Do 14 ao 16 de Outubro no FITO de Ourense

domingo, 16 de outubro de 2016
II Encontro Mulleres Creando


II ENCONTRO «MULLERES CREANDO»

Nos últimos anos xurdiron en Galicia toda unha serie de Compañías teatrais que introducen as tendencias da contemporaneidade. Curiosamente, moitas destas novas compañías teñen como principais impulsoras a mulleres (produtoras, directoras, dramaturgas, actrices, bailarinas, etc..) que, sumadas ás xa existentes creadoras escénicas, fan deste país un lugar absolutamente excepcional en canto a un novo panorama escénico sustentado nas diferentes e singulares voces de todas elas.

Desta forma, pretendemos aproximarnos á filosofía doutros Encontros realizados a nivel mundial, como a corrente Magdalena Project que, dende a súa creación no 1986 en Gales, traballa en rede en diferentes continentes como Europa, Latinoamérica e Australia. De igual modo, sérvenos de exemplo o Encontro de Mulleres de Latinoamérica nas Artes Escénicas, que se realiza dentro do marco do Festival Iberoamericano de Teatro de Cádiz (FIT) e que traballa dende hai dezaseis anos tentando revalorizar e conectar o traballo de mulleres creadoras de diferentes países europeos e latinoamericanos.

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) é o lugar máis axeitado para levar a cabo este proxecto e que este Encontro actúe como acicate para intercambiar experiencias, coñecernos a través do que realizamos e seguir impulsando, tamén nas artes, a paridade como criterio cultural. Neste Encontro actrices, escritoras, directoras, performers, dramaturgas, bailarinas e artistas plásticas galegas xuntaranse con outras creadoras, produtoras, distribuidoras e directoras de Festivais do Estado compartindo linguaxes artísticas, discusións, crítica, apoio, esperanza e miradas sobre a vida, a través de mesas de conversacións, relatorios e procesos de traballo.

VENRES 14
12:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: O xénero nas artes escénicas

Interveñen: AMARANTA OSORIO (México-España-Francia), MARIFÉ SANTIAGO (Segovia), MARÍA ARMESTO e MARIANA CARBALLAL (Galicia)
Como é a situación do xénero nas Artes Escénicas e a loita polas reivindicacións de creación feministas que se fan dende diversos colectivos. Con Amaranta Osorio coñeceremos en que consiste o Magdalena Project. Con Marifé Santiago poderemos saber que pasos se están dando nas Artes Escénicas en Segovia para levar a cabo o proxecto Tempada de Igualdade nas Artes Escénicas en España. Destas tempadas tamén falará Mariana Carballal, integrante da Plataforma Clásicas e Modernas e María Armesto, directora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Coñeceremos o traballo da Plataforma de Mulleres na Cultura de Galicia.

17:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: A danza en Galicia

Interveñen: BEGOÑA CUQUEJO, MERCEDES SUÁREZ, ANDREA QUINTANA, CATERINA VARELA e NURIA SOTELO

Coñeceremos a través destas cinco creadoras vinculadas coa danza e a posta en marcha de Festivais de danza en Galicia, como está este sector nestes momentos e os pasos que se poderían dar para que a difusión da danza sexa unha realidade.

19:30 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA AZUL
Espectáculo: Astraea

Intérpretes: KIRENIA C. MARTÍNEZ e GOSIA TREBACZ

SÁBADO 15
12:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: A ollada feminina nas programacións

Interveñen: BRANCA NOVONEYRA, FEFA NOIA, MARTA ALONSO e BELÉN IGLESIAS

Nesta mesa as diferentes directoras de Festivais galegos e xestoras no mundo da danza darán conta de cales son os seus criterios nas programacións, abrindo así o debate sobre se a perspectiva de xénero debe ser plasmada nas mesmas.

17:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: A creación femenina en Galicia

Interveñen: PALOMA LUGILDE, MARÍA TORRES, CRISTINA BALBOA e RUTH BALBÍS

Nesta mesa diferentes creadoras galegas darán conta dos seus traballos e analizarán cales son as claves dos seus procesos.

19:30AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Espectáculo: A deriva
Intérprete: OLGA CAMESELLE

DOMINGO 16
12:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: Creacións escénicas multidisciplinares

Interveñen: LAURA ITURRALDE, MONTSE PIÑEIRO, UXÍA P. VAELLO, MARÍA ROJA e ALBA BLANCO

Da man destas creadoras, poderemos indagar no papel que xoga a imaxe e outros tecidos escenográficos para dar forma a un espectáculo e as múltiples ópticas dende onde crear.

13:30 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA AZUL
Espectáculo: Dramaturxia de mulheres

Compañía: INHERENTE TEATRO

17:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: Bailarinas: ser muller, danzar e sobrevivir
Interveñen: BEATRIZ PÉREZ, ISABEL SÁNCHEZ, ÁNXELA BLANCO, CRISTINA MONTERO e LAURA LLAUDER

Unha mesa de análise sobre o que sucede no mundo da danza e, en concreto, saber e coñecer como se marcan os roles femininos á hora de poñer en marcha unha coreografía, así como coñecer cales son as principais trabas no seu traballo do día a día.

+info:

http://www.fitoourense.com/2016/actividades.html#.V_WVM-khXqB