Galicia Escena PRO

Inversa Teatro presentará o seu novo proxecto nunha sesión de pitching

luns, 11 de xuño de 2018
Galicia Escena PRO

A sexta edición de Galicia Escena PRO ofrecerá do 11 ao 14 de xuño en Santiago espectáculos de 17 compañías galegas de teatro e de danza. Organizada pola Agadic, a programación complétase cunha sesión de pitching na que 10 formacións explicarán os seus proxectos para a vindeira temporada, ademais de dúas montaxes de Madrid.

O Auditorio Abanca, a Fundación SGAE, o Salón Teatro e o Teatro Principal volverán ser os escenarios deste evento, a través do que a Xunta lles ofrece ás compañías escénicas un espazo para entrar en contacto directo cos representantes dos teatros, auditorios, salas e mostras cara á contratación de espectáculos.

Para a categoría de espectáculos, a comisión de selección elixiu 17 títulos galegos, dos que nove son montaxes teatrais para público adulto: A leituga, de Eme2 emoción&arte; Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica, de Ibuprofeno Teatro; Cranios privilexiados... ou a crítica da razón perralleira, de Producións Teatráis Excéntricas; Elisa e Marcela, de A Panadaría; Fillos do sol, de Contraproducións; O rei morre, de Sarabela Teatro; O servidor de dous amos, de Talía Teatro; Procedimientos ante el vacío, de Teatro Ensalle, e Salvador, de Cía. Borja Fernández. En canto á oferta teatral para público familiar, as propostas seleccionadas son A galiña azul, de Tanxarina; Bathtime, de Katarsis Educación-Teatro; Patapatum, de Elefante Elegante, e Planeta Ardora, de Títeres Trompicallo.

En danza, haberá outra montaxe pensada para o público infantil e familiar (Gaia, de Entremans) e outras tres para adultos: La soledad de Wally, de Elahood; Método negro, de Javier Martín, e Plastic, de Cía. trasPediante - Paula Quintas.

Así mesmo e como en anos anteriores, Galicia Escena PRO desenvolverá unha sesión de pitching, para a que foron seleccionadas outras 10 compañías co obxectivo de lles presentar aos programadores inscritos un avance dos proxectos nos que están comezando a traballar cara á vindeira temporada. Os títulos elixidos son Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia; Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro; Arnoia, Arnoia: o circo da casa pequena, de Quico Cadaval; Auga que non vas beber, de Inacio Vilariño; Cinco mulleres que comen tortilla, de Javier Lojo; In Between, de Mikel Arístegui; Insumisión, de Gema Ulloa; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de María Vázquez; e Sofía e as postsocráticas, de Marta Pérez.

+info:
http://galiciaescenapro.gal/