Físgoas de baleiro. (A elegancia da mirada)

Crítica de "El Cuello de la Jirafa" no Blog de crítica de espectáculos da RGT

martes, 13 de outubro de 2015
Físgoas de baleiro. (A elegancia da mirada)


ROI VIDAL PONTE

Hai cousas que existen e non se ven. Como o tempo. Como a impermanencia do presente. Ou como todo o que se agocha entre as fendas que unen e separan. Matarile é unha desas cousas. Raras. Polémicas. Únicas. Imprescindibles.

Matarile non se ve, experiméntase. Matarile non fai teatro, enxálzao.

Ou un recital de puntos de vista, actitudes expectantes, miradas miradas. Podemos saber o que miramos, pero como adiviñar como miran as miradas? O xogo das cadeiras e das mesas, de buscar o mellor lugar desde o que contemplar o que pasa. O intercambio de roles dunha conferencia, dun baile, dunha confesión. Porque a finalidade da poesía é facer visible o invisible.

Matarile fai poesía escénica. O estilo, as ferramentas e a intención artística do teatro posdramático teñen en Matarile o seu máximo expoñente no teatro feito en Galicia. Como os Beck & Malina do teatro galego do século XXI, Vallés & Patiño son tan parodiables coma grandiosos, tan molestos coma pioneiros.

En El cuello de la jirafa xogan a carta da innovación espacial. Como unha estrutura que se ve e non se ve, a (grotowskiana?) disposición do público arredor dunha fileira de mesas en forma de U introdúceo no espectáculo como elemento escenográfico, como coro mudo, como voyeur espiado. O lugar da representación (unha antiga capela hoxe convertida en sala multiusos dunha institución universitaria), á vez seminario académico e conclave sectario, arroupa todo o que o espectáculo di: as diferentes formas de aprehender o inaprensible, de coñecer os misterios humanos e divinos, desde a ciencia ou desde o espírito. Aquí destaca a presenza de Enrique Gavilán, verdadeiro profesor universitario que ofrece os seus coñecementos filosóficos. Non fai nada distinto ao que fai cando exerce a súa profesión, pero a nosa mirada, instalada nese contexto propicio para a recepción da beleza, obsérvao desde un punto de vista estético capaz de converter unha conferencia nun ritual iniciático.

Toda esta abstracción exponse desde a concreción máis absoluta. Hai un certo fetichismo na mostración do equilibrio entre o carácter matérico e simbólico dos obxectos. E o mesmo sucede cos corpos. Os corpos de movementos fermosos de Mónica García e María Roja, os corpos de comportamentos grotescos de Oscar Codesido e Ana Vallés, as actitudes corporais relaxadas de Enrique Gavilán e Baltasar Patiño. Esta ‘concreción simbólica’ acada o seu punto álxido no que é un dos momentos memorables da representación: as diversas escenas simultáneas que, como vendedores de agasallos artísticos gratuítos, cada actuante ofrece a un reducido grupo de observantes, nun exemplo pequeno e asombroso de microteatro hiperpróximo.

Matarile ofrece (ese é o verbo máis acaido para os seus espectáculos) un teatro das persoas que é a vez intelectual e sensitivo. Mais nesta ocasión a temática xeral chega con máis fluidez, sen que a compañía deixe de ter esa marca que lle é tan propia: a elegancia. Vallés (kantoriana?) corrixe a Artaud: o teatro non é un corpo ante miradas, senón entre miradas.

O segredo desa marca é un misterio escondido sempre entre e nunca detrás. A elegancia coa que nos fan sentir esa maxia, transforma o teatro, como quería Artaud, nunha experiencia reveladora.

Foto: Manu Lago

Artigo orixinal: https://rgtcritica.wordpress.com/2015/10/13/el-cuello-de-la-jirafa/