Éxito de audiencia na estrea de ’Dalia, a modista’

O segundo capítulo emitirase o próximo luns 26

martes, 20 de decembro de 2016
Éxito de audiencia na estrea de 'Dalia, a modista'

A estrea da serie “Dalia, a Modista” levou onte a Televisión de Galicia a acadar o liderado durante a súa emisión. Esta produción, que conta a historia dunha modista nunha vila galega dos anos 50, foi o programa de entretemento máis visto da xornada en Galicia e o segundo con maior audiencia da xornada.

A serie acadou unha audiencia media de 180.000 espectadores e unha cota de pantalla do 16,8%, aínda que a audiencia total da serie ascendeu ata os 311.000 espectadores sumando o previo e a serie. Durante a emisión da mesma, a TVG foi quen de acadar picos de 214.000 espectadores e cotas de pantalla do 22,2%.

A serie está protagonizada por María Mera, quen está acompañada dunha longa lista de intérpretes como Manuel Sanmartín, Luísa Merelas, Susana Sampedro, Fernando González, Cristina Collazo, David Seijo, Rebeca Stones, Xoán Fórneas, Machi Salgado, Covadonga Berdiñas, Fran Paredes ou María Roja, entre outrxs. “Dalia, a modista” narra a chegada dunha modista á vila ficticia de Prescedo para coñecer máis sobre o pasado da súa nai e investigar a súa morte. Alí, Dalia traba amizade con Valentina, a filla da dona do obradoiro de costura. Valéndose desta boa relación, a modista trata de conseguir información para coñecer máis sobre o pasado da súa nai e saber que a puido levar a mudar de identidade. Dalia non tarda en acadar sona de boa modista, co que comeza a recibir encargos importantes, coma o do vestido de posta de longo dunha herdeira dos Herbaloba, unha importante familia de Prescedo. Ademais, durante a súa busca, xurdiranlle varios pretendentes e atopará varios veciños que han de agochar respostas sobre o pasado da súa nai e a súa fuxida da vila.

O primeiro capítulo pódese volver ver no servizo de televisión á carta de crtvg.gal. O segundo capítulo emitirase o próximo luns, día 26.