Estrea de "30 e tantos ósos"

Aporía na 7ª edición do FITO

luns, 29 de setembro de 2014

Aporía Escénica é unha compañía de teatro emerxente que, co seu primero espectáculo, 30 e tantos ósos, busca explorar o universo da muller e encontrar a súa propia linguaxe artística por medio da hibridación de tipoloxías escénicas que favorezan a potencia plástica dos corpos, a luz e os obxectos, empregando o xogo e o humor, sen esquecer a palabra e a poesía. Na fundación da compañía participan, por primeira vez, tituladxs en todas as especialidades de Arte Dramática da ESAD de Galicia: Dirección escénica e Dramaturxia, Interpretación e Escenografía, catro mulleres e un home que recollen as experiencias vitais desde diferentes puntos da xeografía galega para xuntárense aos 30 e tantos anos na cidade de Vigo: Diana Mera (A Cañiza), Teté García (Ponteareas), Merche Pérez (Monforte de Lemos), María Roja (Lugo) e Diego Valeiras (O Carballiño).

30 e tantos ósos é unha viaxe de catro mulleres de 30 e tantos anos que, cansas de vivir agochadas baixo carcasas prefabricadas, adoptando condutas alleas, deciden transcender a pel e a carne a través da figura mítica da Loba, para chegar aos seus ósos, á materia máis elemental, onde se inscribe a súa historia persoal e colectiva e se atopa, desterrado, o seu potencial máis vital e salvaxe.

A estrea terá lugar o vindeiro día 15 de outubro no Teatro Principal de Ourense ás 20:30h. no marco do 7º Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), onde comezará o seu percorrido por espazos de exhibición de dentro e fóra de Galicia.

Na súa fase de creación, o espectáculo foi descrito polo profesor e crítico teatral Afonso Becerra como un xogo de “mestura de xéneros escénicos: desde o musical de pequeno formato, sacándolle punta ás cancións infantís con contidos machistas, ata a performance de carácter máis físico nunha onda inzada de simbolismo, tanto nos obxectos empregados como nas coreografías. O espazo escénico ten un aquel de instalación, coas roupas penduradas dos fíos e coa acumulación de mobles e atrezo preciosista, vinculado ao ámbito doméstico e tradicionalmente feminino desde onde se practica o esconxuro ritual das estiquetas de xénero e dos complexos inducidos para o control e a desigualdade das mulleres fronte aos homes. Predomina un discurso directo, máis que metafórico, e con tendencia persuasiva e de denuncia explícita. Actitudes irónicas, paródicas e desenfadadas das actrices Merche Pérez, Teté García e Diana Mera, mentres María Roja asume un rol moito máis plástico e alegórico, evolucionando polo espazo como unha das Parcas que controla o fío da vida. Unha Penélope a tecer e destecer actividades alegóricas co espello, coa retirada das tres lumieiras (as lámpadas) das tres Gracias (Merche, Teté e Diana), esas Mulleres Salvaxes que, entre Amazonas e o Renacer da Primavera, reivindican o seu propio corpo e as decisións sobre o seu propio destino.”

Estrea de "30 e tantos ósos"

http://www.fitoourense.com/2014/index.html
https://www.facebook.com/aporiateatro?fref=ts