Dalia, a modista

Nova miniserie da TVG

domingo, 05 de xuño de 2016
Dalia, a modista


’Dalia, a modista’ é unha nova miniserie da Televisión de Galicia, que se atopa en fase de gravación e que a canle pública ten previsto emitir en outubro de cara á nova tempada. Esta serie de TVG, realizada pola produtora CTV, consta de catro capítulos e artéllase arredor dunha trama de misterio, amor e superación, ambientada nos anos 50.
A nova produción da Televisión de Galicia conta a historia de Dalia, unha moza modista que chega a Prescedo, coa súa máquina de coser Singer, na procura de respostas sobre o suicidio da súa nai. Alí, descubrirá a dobre vida que levaba a falecida e atoparase cunha vila chea de segredos, onde loitará por facer realidade os seus soños de modista.
A serie está dirixida por Giselle Llanio, responsable de exitosas series como ’Libro de familia’ e ’Pazo de familia’, tamén emitidas na TVG.
O elenco está composto por unha longa lista de intérpretes como María Mera, Manuel Sanmartín, Luísa Merelas, Susana Sampedro, Fernando González, Cristina Collazo, David Seijo, Mara Sánchez, Rebeca Stones, Xoán Fórneas, Machi Salgado, Fran Paredes ou María Roja, entre outrxs.
A serie conta con Concha Fontenla como responsable de produción e con Eligio Montero, guionista de series como ’Bajo sospecha’ ou ’Gran Hotel’. Ademais, a firma galega Nubbe Clothes será a responsable do vestiario co que se recrearán os anos 50, e o compositor Julio Montero encargarase de crear a ambientación musical da serie.
A gravación da miniserie, que se levou a cabo, entre outras localizacións, no pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, e nos concellos de Noia e Vedra, rematou a semana pasada.