Conversa Ultramarina

Apenino presenta o primeiro single do seu disco "Viravolta"

sábado, 08 de novembro de 2014

"Conversa Ultramarina" é a canción que abre o disco (o primeiro single) e está inspirada no libro de Lois Pereiro de mesmo título, no que o poeta galego mantén unha relación epistolar coa que fora a súa noiva, Piedad, cando ela se vai a San Francisco e él vive os seus últimos días. Encántame a obra de Lois e ésta, aínda que non é a súa obra máis coñecida nin considerada, resúltame estremecedora. Un historia de amor/desamor brutal, plasmada nuns textos conmovedores. A canción compúxena, dende o inicio, buscando unha homenaxe ao autor. No musical, hai tamén un intento de homenaxe pretendida, non sei se logrado, a Suicide. Durante os días que fixen a canción, estiven a recuperar os seus discos e os de Martin Rev en solitario e estaba moi enganchado ao seu son. Caixas de ritmo primitivas e sintes analóxicos cuns arranxos moi sinxelos.
Tendo a pensar que Lois coñecía ben a Suicide e que, moi probablemente, entrase dentro dos seus gustos. Estou case convencido diso.
Apenino


O vídeo de "Conversa Ultramarina" está dirixido por Álex Cancelo e producido por Olalla Lojo, contando con Alfonso Vázquez a cargo da imaxe e con María Roja como actriz.

www.apenino.net