Artistas na rúa

Blanco&Roja no programa do festival con «Seis accións para unha tarde de domingo»

Baixo o nome «Artistas na rúa», a Praza da Ferrería de Pontevedra acollerá durante os vindeiros 11 e 12 de abril, entre as 16 e as 19 horas, un festival cuxo obxectivo é amosar cada día unha tarde de traballo de tres artistas ou colectivos artísticos diferentes, coa idea de achegar á xente os seus particulares procesos creativos. Con esta iniciativa, preténdese transportar á rúa o espazo privado de creación, a fin de que a cidadanía poida asistir a unha xornada de traballo de «portas abertas», acurtando así distancias entre artistas e público, naturalizando un proceso a miúdo mitificado.
Tralo seu paso pola Facultade de Belas Artes, Alba Blanco (Vigo, 1981) e María Roja (Lugo, 1982), derivan a súa formación cara o libro ilustrado e a creación escénica, respectivamente. Participando por separado en diversas mostras de arte, tanto nacionais como internacionais, volven coincidir no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, onde, advertindo as súas afinidades estéticas e conceptuais, deciden colaborar na creación de proxectos vinculados coa arte de acción e a creación audiovisual.
Seis accións para unha tarde de domingo, a proposta de Blanco&Roja para o día 12, parte dos corpos e voces das propias performers e pretende atender aos condicionantes externos do momento para establecer un diálogo co contexto e co público que influirá directamente no proceso creativo da obra: un corpus de seis accións baseadas na improvisación e concibidas in situ, que alterarán o espazo urbano e o tránsito dos seus e das súas poboadoras ocasionais converténdoo nun lugar de creación colectiva.