Ágora Cultural

Palimoco presenta "Queres que cho conte?"

luns, 14 de agosto de 2017
Ágora Cultural

Mércores 30 de agosto
Praza Maior (Lugo) ás 12:00 horas
Praza da Milagrosa (Lugo) ás 20:00 horas

Queres que cho conte? Os contos, díxoo un narrador oral quéchua, cóntanse para durmir o medo. Contar un conto equivale a un aloumiño ou a un bico nas meixelas inocentes dun neno ou dunha nena. Mentres se conta un conto párase o tempo, viáxase a outra dimensión, recréanse emocións e sucede o milagre da comunicación entre quen conta e os que escoitan. O proxecto Queres que cho conte? que promove a Área de Cultura, Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, procura achegar algúns dos moitos contos rescatados da nosa gran tradición de narradores e narradoras orais e pousalos, con agarimo, no oído apetente daquelas e daqueles que desexan parar o mundo para volver a vista, e todos os sentidos, e reparar nas cousas bonitas da nosa tradición. E unha desas cousas, deses feitos bonitos que merece moito a pena é este de recuperar a narración oral como soporte de transmisión de cultura, pois canda o texto, canda o conto, na mesma equipaxe e ao mesmo prezo, viaxan en harmonía a lingua, a cultura propia, a fantasía, a imaxinación, a ilusión, o futuro, a esperanza… Da execución do proxecto encargouse o equipo de Palimoco Teatro coordinado por Paloma Lugilde: selección dos contos, elaboración do guión dramático, a composición das músicas axeitadas, e ducias de ensaios para rematar coa gravación no estudo Abrigueiro de Arturo Vaquero e a posterior edición do audio e do texto impreso.

Un proceso longo e complexo para recrear estes textos herdados da tradición valéndose dos recursos das novas tecnoloxías e das propostas da dramaturxia actual. Actrices e actores, músicos, debuxantes e técnicos que prestaron as súas valiosas capacidades creativas, con entusiasmo e ilusión, para que aquelas voces vellas dos nosos devanceiros, case inaudibles por esquecidas, reverdezan con alento neste século XXI. As recreacións dos nove contos seleccionados para o proxecto Queres que cho conte? tiveron en conta preferentemente versións recompiladas na provincia de Lugo, versións que non son nin mellores nin peores ca outras que se tivesen recompilado noutros lugares de Galicia ou do mundo pero teñen a marca, o sinal propio da lingua e da cultura das diferentes xeografías luguesas, son a herdanza de quen sabe cantas xeracións de sucesivos narradores e narradoras asentados, quen sabe desde cando, se cadra desde ese infinito que chamamos sempre, en lugares, aldeas e vilas lucenses, e ademais foron recollidos para traballos escolares ou de investigación nas contornas onde alguén, mestre ou mestra, alumno, alumna ou curioso, quixo responder á pregunta de onde veñen os contos.Os protagonistas da maioría destes contos son animais (raposos ou raposas, ratos, caracois, cans, burros, galos, gatos, ovellas, lobos, piollos, pulgas) pero tamén andan enleados neles persoas de carne e óso, algún anano ou xigante, e outros elementos coma o vento, a auga, o lume, o sol…

Personaxes, elementos, situacións, estruturas narrativas e recursos propios das fábulas e dos contos encadeados que tradicionalmente se usaban para ilustrar ao neno ou nena, aprendices da vida, nas estratexias máis efectivas para sobrevivir, para exercitar a memoria ou para diferenciar vicios e virtudes. Aquí están o lobo torpe e grande que sempre é vencido polo raposo raposeiro. O mesmo pasa cando un anano tropeza cun xigante ou cando un animal, vítima probable do home, tira de maña e astucia para darlle unha lección ao suposto ser superior. Todos os contos tiñan nas sociedades tradicionais carácter didáctico, ás veces tamén fins moralizantes, pero hai un valor engadido implícito que non deberamos esquecer en tempos de barbarie; animais e persoas mesturados, interdependentes, constitúen elos necesarios da cadea de equilibrio que fai que a natureza permaneza.