A TVG lanza capítulos inéditos de ’Método criminal’ antes da súa emisión en televisión

Capítulos 16 e 17 xa dispoñibles en Enserie.gal

venres, 21 de maio de 2021
A TVG lanza capítulos inéditos de 'Método criminal' antes da súa emisión en televisión

Os seguidores de ‘Método criminal’, a serie da TVG do prime time dos domingos, terán acceso aos dous seguintes capítulos xa desde este venres no portal EnSerie.gal. A web da CRTVG adiántase á emisión TDT e desde esta semana ofrecerá capítulos desta serie de humor aínda non emitidos na TVG.

Na liña doutras plataformas de canles públicas, como a inglesa BBC, que emprega a súa canle de servizo de vídeo baixo demanda All4, e tamén de privadas como Atresplayer Premium, a Galega explora outras vías para achegarse ás necesidades dos novos consumos audiovisuais que aprecian a liberdade de elixir á carta os contidos. Non é menor tampouco a nova vida que cobran algunhas series no seu consumo en liña, e a CRTVG, dentro da estratexia de posicionamento dixital, aposta por explorar todas as vías que poidan levar a un maior consumo dos produtos galegos de ficción.

EnSerie.gal é o ‘Netflix galego’. Naceu para darlle unha maior visibilidade á ficción galega e facilitar o consumo baixo demanda. Agora experimenta coa metodoloxía de adiantar contidos en liña á emisión en TDT coa dispoñibilidade semanal dos capítulos que restan antes da fin desta ficción, prevista para xuño. ‘Método criminal’ é unha serie de humor e enredo arredor dun clan do narcotráfico que opera desde a legalidade da xestión dun tanatorio. Dirixida por Jorge Saavedra e producida por Voz Audiovisual para a TVG conta cun destacado elenco e Luís Iglesia, Miguel Canalejo, María Roja e Sabela Arán como protagonistas.

EnSerie.gal é o portal das series de ficción galegas en que se amosan as producións actuais e históricas emitidas na Televisión de Galicia. Desde ‘Mareas vivas’, ‘Pratos combinados’ e ‘Matalobos’ ata os éxitos máis actuais como ‘Auga Seca’, ’Serramoura’, ’A lei de Santos’, ’A estiba’, ’Vidago Palace’ e ’Método criminal’, o portal permite visualizar centos de episodios das series con máis repercusión na historia da TVG. Esta canle en liña será substituída a curto prazo pola OTT propia da CRTVG, onde se poderá gozar de todos os contidos de ficción da TVG.

http://www.crtvg.es/crtvg/noticias-corporativas/a-tvg-lanza-capitulos-ineditos-de-metodo-criminal-en-enserie-gal-antes-da-sua-emision-en-television

+info:
Instagram: @metodocriminal
Facebook: @MetodoCriminal
Twitter: @MetodoCriminal