A GRAZA DA DESGRAZA HUMANA N’O TOLLEITO DE INISHMAAN de McDonagh

Crítica de Afonso Becerra de Becerreá para O Galiñeiro de Praza Pública

sábado, 19 de novembro de 2016
A GRAZA DA DESGRAZA HUMANA N'O TOLLEITO DE INISHMAAN de McDonagh

Fotografía: Raúl Lorenzo

Nunha extraescena ateigada de vacas, pedras e mar, o palco amósanos unha sociedade pechada, igual que pechado é o modelo do drama (coa súa presentación o seu nó e o seu necesario desenlace, nunha cadea de sucesos causalmente xustificados).
O tolleito de Inishmaan de Martin McDonagh é un drama sobre a graza da desgraza humana, nunha Dogville quizais, aparentemente, menos virulenta, pero igualmente prexuizosa.
A desgraza dun tolleito que necesita realizarse como persoa, que necesita sentirse querido e respectado. Necesítao porque lle falta nesa vila e nesa illa na que o diferente aínda sofre máis que resto.
Intenta fuxir, marchar a facer as américas, onde poida realizarse afastado das estiquetas da illa e da vila. Pero a morriña, o agarimo polos seus, e aquilo de que máis vale malo coñecido que bo por coñecer, fano retornar.

O espectáculo de Contraproducións, dirixido por Cándido Pazó, ofrécenos un retrato pintoresco, tanto no trazo da maioría dos personaxes, como na perspectiva desde a que se representan as situacións.
Pazó consegue unha coralidade no reparto que lle serve para reflectir, a través de oito personaxes presentes, e algúns outros ausentes referenciais, sobre toda unha sociedade, coa que a galega, quizais, tamén pode asociarse.

O elenco constrúe os personaxes tipificándoos e estereotipándoos e, deste xeito, danlles unha certa previsibilidade de comedia ou farsa, porén, todos eles teñen aspectos caracterolóxicos que enriquecen e contrastan o baixo continuo da tipificación ou do estereotipo. E con isto, Susana Dans, Ana Santos, Evaristo Calvo e Marcos Pereiro ofrécennos unhas criaturas que, malia a previsibilidade de comedia, suscitan tamén unha intriga de drama que nos fai observalos con atención, porque sempre sospeitamos que agochan algo máis do que amosan.

Un caso diferente son os personaxes interpretados por Santi Romay, que fai de tolleito, María Roja, Luis Iglesia e Ricardo de Barreiro. Aquí prima un realismo sen apenas acento na tipificación nin no estereotipo. Trátase de personaxes cunha dicción e unha actitude que non soa a teatro. Santi Romay compón un tolleito, fisicamente complexo, porén a interpretación non redunda na rareza nin na anomalía da forma física. De tal maneira, a identificación afectiva da recepción, vai, pouco a pouco, centralizándose no personaxe do eivado.

No entanto, a coralidade do reparto non se perde e creo que nisto Pazó cosegue, en certa maneira, unha boa baza, xa que eleva a lectura a un nivel máis sociolóxico e antropolóxico.
E faino sen renunciar a efectismos sentimentais, explicitados no emprego de música que subliña a emoción, nin efectos cómicos de ton inxenuo, por veces, ou con humor negro, noutros intres.
Ao final, O tolleito de Inishmaan é como un conto para teatro, cunha dimensión parabólica.

Artigo orixinal:
http://teatro.prazapublica.com/post/153362051241/a-graza-da-desgraza-humana-no-tolleito-de